Denuncian un "control de tráfico inexistente" e "inseguridade peonil" na Caeira polas obras na PO-308

Poio
23 de febreiro 2026
Actualizado: 14:25

A portavoz nacionalista, Marga Caldas, denuncia que os vehículos soben pola Rúa Pernas Peña e que non respectan "os pasos de peóns, os límites de velocidade da zona e a sinalización"

Obras con corte de tráfico na Avenida da Barca

Continúa o malestar na Caeira polo desvío da circulación derivada das obras da PO-308, que provocou que na zona o tráfico estea "descontrolado" e os peóns, "inseguros".

Así o denuncia o BNG de Poio a través da súa portavoz Marga Caldas, quen subliña que "o goberno de Moldes non ten dado ningunha solución e os vehículos, incluso pesados, seguen a subir a través da Rúa Pernas Peña".

Esta situación, sinala Caldas, está a xerar "problemas" tanto para as persoas, "pola alta velocidade e a invasión dás beirarrúas", como para as estradas, que presentan "serios danos no asfalto e nos lastros, que teñen grandes fochancas e buratos".

Desde o BNG urxen un plan que regule o tráfico e garanta a seguridade viaria para que a convivencia da circulación rodada e da veciñanza durante as obras poida ser o máis "levadeira" posible.

Explican que despois do peche do carril na Barca pola reforma da estrada autonómica, o paso dos coches faise a través da Caeira, o que provocou que "a peligrosidade do tráfico chegue a unha situación inadmisible".

Aínda que a veciñanza xa denunciou a situación no Concello formalmente, segue sen haber "medidas correctoras que palíen os problemas de seguridade viaria para a xente que camiña pola zona", lamenta Caldas.

Alerta que a inseguridade peonil débese "ao lóxico aumento do tránsito motorizado", pero que "se agrava porque non se respectan os pasos de peóns, nin os límites de velocidade da zona, nin a sinalización vertical nin horizontal, incluso chegando a invadir as beirarrúas por non haber espazo suficiente ao cruzarse vehículos".

A iso hai que sumarlle que "se mantén o paso de vehículos pesados e autobuses", o que provoca que a situación "se complique aínda máis".

"O control do tráfico é inexistente", subliña Caldas, que esixe ao alcalde o estudo de alternativas para crear un "plan de regulación inmediato" no que inclúa unha supervisión diaria efectiva da circulación, ademais da restrición do paso a vehículos pesados, que, segundo o BNG "poderían utilizar itinerarios alternativos".

Así mesmo, os nacionalistas advirten de que, ante este "desleixo no trascurrir das obras, é necesario advertir ao goberno local de que é obrigado que as rúas afectadas polos desvíos de tráfico terán que ser repostas, tanto no asfaltado, pasos de peóns, sinalización ou iluminación".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora