Denuncian ante Inspección de Traballo a falta de calefacción na Escola Infantil Crespo Rivas

Pontevedra
12 de decembro 2025
Actualizado: 18:22

A organización sindical acusa á Consellaría de Educación de "inacción" tras dous meses de reclamacións da comunidade educativa.

Ampliación da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas Cristina Saiz

A CIG-Ensino presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo pola situación da Escola de Educación Infantil (EEI) Crespo Rivas de Pontevedra, que, segundo o sindicato, continúa a funcionar sen calefacción a 11 de decembro.

A organización sindical acusa á Consellaría de Educación de "inacción" tras dous meses de reclamacións da comunidade educativa.

Segundo explicou Xacobe Rodríguez, secretario comarcal da CIG-Ensino, o centro carece de calefacción desde outubro, coincidindo coas obras de ampliación e mellora promovidas pola Consellería de Educación. Estes traballos, que foron anunciados e visitados por diversos responsables do departamento, incluído o conselleiro, deixaron o edificio sen sistema de calefacción e, segundo o sindicato, a situación mantense sen solución a pesar das numerosas advertencias.

A CIG-Ensino asegura que tanto profesorado como alumnado, preto de 200 nenos de 3 a 5 anos, están a dar clase en condicións "que non cumpren os mínimos de temperatura esixidos".

O sindicato afirma que este luns rexistráronse temperaturas inferiores aos 14 graos dentro das aulas e critica que a única medida adoptada pola administración fose a cesión de pequenos radiadores de aceite, "que por suposto non serven para quecer espazos tan grandes coma un aula".

Rodríguez sinala que se remitiron escritos, notas de prensa e diferentes comunicacións á Consellaría, pero que a única resposta recibida foi unha petición de "paciencia".

"Non podemos consentir que mentres se lles enche a boca de frases grandilocuentes sobre o ensino público teñan aos mais pequenos nesta situación", afirma Xacobe Rodríguez.

Ante esta situación, o sindicato decidiu recorrer á Inspección de Traballo para reclamar unha intervención que obrigue a adoptar medidas urxentes.

A CIG-Ensino esixe a posta en marcha inmediata da calefacción e advirte de que as condicións actuais "impiden un desenvolvemento normal da actividade docente" e poñen en risco o benestar do alumnado máis novo.