Veciños da rúa Pedro Sarmiento de Gamboa denunciaron nos últimos días a situación de "deplorable estado de abandono" que ven na súa rúa desde que terminaron as obras de humanización e peonalización da contorna do Gorgullón e as súas rúas perimetrais.
Todas as rúas perimetrais do Gorgullón foron obxecto dunha actuación de mellora que terminou o pasado mes de marzo e o 1 de abril realizouse unha festa inaugural. Estes veciños denuncian que, desde entón, "e xa pasaron meses", non se realizou ningunha actuación para manter o resultado inicial.
"Desde que se inaugurou non fixeron ningún labor de mantemento", denuncia un veciño, que engade que nos últimos meses enviou as súas queixas ao Concello de Pontevedra por vía telemática e tamén contactou telefonicamente coa Alcaldía. Segundo sostén este veciño, a administración local "fai oídos xordos ás demandas dos veciños" e o resultado é que a rúa "segue sen arrombarse".
As queixas veciñais céntranse, en especial, na limpeza, que "brilla pola súa ausencia", e no mal estado das árbores que se plantaron na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa durante as obras de reforma e humanización.
A zona que consideran máis afectada por este deixamento no mantemento é a contorna do centro de maiores Soremay os veciños consultados engaden que "de nada vale facer obras se despois todo queda no abandono".