Denuncian o abandono do cruceiro de Faxil, que leva máis dun ano co varal torcido

Barro
09 de marzo 2018

O colectivo pola defensa do patrimonio A Forneiriña presentou a denuncia ante a Conselleria de Medio Rural e lamenta o abandono patrimonial no Concello de Barro tanto por parte do anterior goberno local do PP como do actual bipartito formado polo BNG e o PSOE

Cruceiro de Faxil, en Barro Colectivo na defensa do Patrimonio A Forneiriña

O cruceiro de Faxil, situado na parroquia de Agudelo no Concello de Barro, leva máis dun ano co varal torcido sen que ningunha administración se faga cargo da restauración deste ben cultural, segundo denuncia o colectivo pola defensa do patrimonio A Forneiriña.

Esta asociación presentaba denuncia ante a Consellería de Medio Rural, titular da parcela sobre a que se atopa situado este cruceiro, incluída no fondo de terras polo proxecto de concentración parcelaria.

A Forneiriña puxo en coñecemento da Consellería de Cultura a ausencia de atención que está practicando o Concello de Barro en relación ao coidado do patrimonio. Denuncian que tanto o anterior goberno local do Partido Popular como o actual, baixo o mandaato do bipartito formado polo BNG e o PSOE, evítase o coidado dos cruceiros co conseguinte risco.

Durante máis dunha década o cruceiro de Vilar situado no lugar de Valbón na parroquia de Agudelo no borde do camiño portugués estivo torcido provocando unha situación de grave perigo para a integridade do vecindario, segundo relata esta asociación.