Denuncian oito universitarios que hacían un botellón ilegal en Lourido

Poio
21 de decembro 2020

Durante a fin de semana, a Policía Local de Poio tramitou un total de 15 denuncias por incumprir as normas fronte á covid-19. Tamén denunciaron dúas persoas que saltaron o peche perimetral do municipio sen causa xustificada. Viaxaron desde Barcelona a Poio para visitar uns familiares. Este tipo de viaxes só se permitirán desde o 23 de decembro ata o 6 de xaneiro

Control da Policía Local de Poio
Control da Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio localizou durante esta fin de semana un grupo de oito mozos que estaban a realizar un botellón na zona de Lourido a pesar de que se trata dunha actividade ilegal e de que o número máximo de persoas que se poden reunir neste municipio é de catro, segundo as restricións activas en Pontevedra, Poio e Marín para frear a expansión da covid-19.

Os axentes recibiron unha chamada dun particular alertando da celebración dunha xuntanza dun grupo de mozos consumindo alcol e, ao chegar ao lugar, comprobaron que había oito persoas, todas elas estudantes universitarios.

Todas persoas alí presentes foron denunciadas por incumprir as normas aprobadas pola Xunta de Galicia ante a crise sanitaria do coronavirus. 

Durante a fin de semana a Policía Local de Poio tramitou un total de 15 denuncias por saltarse estas normas de seguridade. Ademais destes universitarios de botellón, localizou outras dúas persoas que saltaron o peche perimetral do municipio sen causa xustificada.

Segundo informou a Policía Local, nesta actuación foi fundamental a colaboración cidadá, que permitiu ter coñecemento de dúas persoas que viaxaron desde Barcelona a Poio para visitar uns familiares. Este tipo de viaxes para pasar as festas de Nadal en compañía da familia ou achegades só se permitirán desde o vindeiro 23 de decembro e ata o 6 de xaneiro. Estas dúas persoas foron denunciadas.

Ademais, os policías municipais identificaron outras cinco persoas por non utilizar a máscara na vía pública.

 Ante a inminente chegada do Nadal, a Policía Local de Poio ten previsto desenvolver un operativo especial, que suporá o incremento de controis nas estradas.

O corpo de seguridade fai unha chamada á concienciación e á responsabilidade individual, de xeito que a cidadanía actúe con prudencia nas reunións sociais típicas destas datas, cumprindo coas medidas recomendadas polas autoridades sanitarias.