Denuncian que a "precariedade" do servizo de Pediatría en Cerdedo, Forcarei e Tenorio "agravouse" nas últimas semanas

Cerdedo-Cotobade
25 de xullo 2023

A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública fala dunha situación "irregular e preocupante" e poñen como exemplo un neno de dous anos da zona de Quireza (Cerdedo), que pasou 10 días con febre moi alta, chegando aos 40 graos, "sen ter un diagnóstico concreto nin un tratamento adecuado"

Centro de Saúde de Tenorio, en Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública volve denunciar a "precariedade" da atención sanitaria que reciben os pacientes do centro de saúde de Cerdedo e, nesta ocasión, centra as súas críticas no servizo de pediatría que se recibe na zona de Cerdedo, Forcarei e Tenorio. 

Así, protestan polo "abandono" dos pacientes en idade pediátrica, que habitualmente só reciben atención dous días á semana (martes e xoves) no consultorio de Forcarei, xa que o servizo de Pediatría está compartido con Cotobade, onde está o resto dos días da semana.

Esta crítica realízana agora porque esa atención habitual empeorou nos últimos días. "A situación agravouse", aseguran porque esa praza de Pediatría compartida quedou vacante por abandono da titular anterior. Aínda que se incorporou unha nova titular, non vai atender as consultas que anteriormente se facían en Forcarei e, ademais agora mesmo está de vacacións

Esta plataforma fala dunha situación "irregular e preocupante" e poñen como exemplo o acontecido cun neno de dous anos da zona de Quireza (Cerdedo), que pasou 10 días con febre moi alta, en ocasións chegando aos 40 graos, "sen ter un diagnóstico concreto nin un tratamento adecuado".

Segundo a explicación desta plataforma, ao non haber pediatra en Forcarei, a enfermeira non podía asumir o tratamento, a familia acudiu ao centro de saúde de Cerdedo, sen pediatra, e finalmente ao servizo de Urxencias Pediátricas no Hospital Provincial de Pontevedra. "A perda de tempo e o peregrinar co neno dun lugar a outro provocou un empeoramento do neno e un gran malestar na familia", aseguran.

Cerdedo pola Sanidade Pública reclama que se recupere o servizo de Pediatría no seu centro de saúde, ou polo menos que funcione varios días todas as semanas nos centros máis próximos de Forcarei ou Cotobade.