Denuncian un turista andaluz por aparcar seis veces de forma fraudulenta en prazas para persoas con discapacidade

Pontevedra
16 de agosto 2017

A Policía Local de Pontevedra interveu no que vai de ano 32 cartóns de estacionamento en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida que foron usadas de forma irregular

Estacionamiento reservado para persoas con discapacidade
Estacionamiento reservado para persoas con discapacidade / Mónica Patxot / ARQUIVO

A vixilancia do uso das prazas reservadas para estacionamento de persoas con mobilidade reducida é unha constante na Policía Local de Pontevedra, que mesmo ten unha patrulla especializada en controlar estes aparcadoiros, un total de 212 repartidas por toda a cidade. Esta supevisión continua e a colaboración veciñal permitiron intervir 32 cartóns no que vai de ano. Dous eran falsos e puxeron sobre a pista dunha ilegalidade que podería ser susceptible de delito e xa está en mans da Fiscalía da Audiencia Provincial. 

A concelleira de Seguridade, Carme da Silva, deu a coñecer os datos este mércores e especificou algúns dos casos máis rechamantes. Un deles protagonizouno un home veciño de Andalucía que o pasado mes de xullo estaba en Pontevedra de visita e foi detectado pola Policía Local usando de forma fraudulenta estas prazas ata en seis ocasiones. 

Todas as veces ía acompañado dun menor e aparcou usando un cartón a nome dunha muller que neses días estaba en Andalucía. Ademais, a Policía Local deulle o alto e detectou que deu positivo na proba de alcol mentres aparcaba de forma irregular e levaba ao menor no coche. Foi denunciado. 

No caso das situacións denunciadas ante a Fiscalía, Carme da Silva indicou que se refire a dous casos procedentes de Vilanova de Arousa. Todo empezou ao detectar que un condutor procedente doutro concello estacionaba en prazas reservadas utilizando un cartón fotocopiado.

Cando lle reclamaron a orixinal, achegou un certificado emitido polo Concello de Vilanova de Arousa acreditando que si tiña cartón legal en curso. A sorpresa chegou cando, ao facer as comprobacións coa Xunta de Galicia, os policías comprobaron que o certificado municipal era falso, pois esa persoa tiña o cartón anulado desde o ano 2012.

Este primeiro caso non quedou aí e, pouco despois, a Policía Local detectou un cartón falso que tamén contaba cun certificado do mesmo Concello de Vilanova. Ao verificar a súa validez coa Xunta, tiveron coñecemento de que esa persoa nunca tivera dereito a un cartón de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. 

Ambos os casos chegaron á Fiscalía, que agora deberá determinar se o condutor que falsificou o cartón tamén falseou o certificado municipal ou se esa irregularidade procede doutra persoa

Segundo os datos achegados, en todo o ano pasado detectáronse 11 usos fraudulentos e no que vai de 2017 xa levan 32. 12 deles foron por uso indebido, catro por cartóns falsificas, 12 por cartóns caducados, dous por cartóns falsos e dous por usar fotocopias falsificadas. Entre estes casos, hai algún rechamante como persoas que aparcaban nestas prazas diante do ximnasio e logo facían deporte sen dificultade

A outra cara da moeda sobre estes comportamentos irregulares e incívicos sitúaa a concelleira no aumento da sensibilidade cidadá en xeral. Asegura que os pontevedreses están cada vez máis concienciados e, de feito, durante o ano 2016 puxéronse 168 denuncias por aparcadoiro irregular -non fraudulento- nestas prazas. É menos da metade de sancións que as 399 do ano 2011.