A Deputación busca empresas interesadas en modernizar as instalacións do Príncipe Felipe

Pontevedra
30 de abril 2026

A institución provincial deu luz verde ao expediente por 3,5 millóns de euros para contratar unhas obras centradas na eficiencia enerxética

Xunta de Goberno Provincial Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, informou este xoves dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Provincial, que adiantou a súa celebración polo festivo do venres, e que supoñen a mobilización de 8,5 millóns de euros para actuacións en benestar social, infraestruturas, deporte e rede viaria.

Entre todas as medidas aprobadas, destaca especialmente o investimento de 3,5 millóns de euros para a mellora integral do Centro Infantil Príncipe Felipe, un dos principais complexos asistenciais da provincia.

A institución provincial deu luz verde ao expediente para contratar unhas obras centradas na eficiencia enerxética e a modernización do edificio, que alberga un centro de acollida para menores de 0 a 8 anos, a escola infantil de 0 a 3 anos e o local social da Asociación Alba, ademais de servizos comúns como cociña, comedor ou enfermaría.

O proxecto contempla a renovación de fachadas e xanelas, así como melloras na accesibilidade e nos espazos exteriores, co obxectivo de adaptar as instalacións ás necesidades actuais.

Xunto a esta actuación prioritaria, o goberno provincial aprobou tamén una investimento de tres millóns de euros para a mellora de cinco estradas.

En concreto, impulsaranse actuacións na EP-5001 A Franqueira-Cebreiro, na Caniza (270.000 euros); na EP-6007 ao seu paso por Cercio, en Lalín (610.000 euros); na EP-3102 Tomiño-Sabarís, que afecta a Tomiño, Gondomar e Baiona (662.000 euros); na EP-2601 Peinador-Louredo, en Mos (736.000 euros); e na EP-6503 Silleda-Siador-Refoxos, en Silleda (780.000 euros).

"Seguimos investindo recursos como nunca antes para prolongar a vida útil das estradas", subliñou López.

No ámbito social, a Deputación aprobou ademais a listaxe de 250 entidades de 53 municipios que participarán no programa + Convivencia, dotado con 300.000 euros, 25.000 máis que o pasado ano.

Esta iniciativa busca fomentar a participación cidadá e pór en valor o patrimonio cultural e natural de proximidade, tras unha edición anterior na que participaron máis de 15.000 persoas.

A estas medidas súmanse novos investimentos en instalacións deportivas, con actuacións en Baiona, Mos e Redondela, así como unha partida adicional dun millón de euros do Plan + Provincial para A Caniza, Moaña, A Guarda, Marín e O Campo Lameiro, destinada a melloras en infraestruturas municipais, gasto corrente e fomento do emprego.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora