A Deputación distribúe preto de 3,3 millóns de euros entre os concellos da provincia

Pontevedra
07 de febreiro 2025
Actualizado: 12:58

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra mobilizou preto de 3,3 millóns de euros para estradas provinciais, infraestruturas deportivas e investimentos en concellos.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial, celebrada á primeira hora da mañá.

A partida máis importante é a destinada ao Plan + Provincia, con máis de 1,8 millóns de euros, para financiar obras e servizos de competencia municipal na Guarda, Baiona, Marín e Poio e tamén para a contratación dun total de 79 persoas desempregadas na Estrada, A Guarda, Bueu, Crecente, Ponte Caldelas e Soutomaior.

Luís López detallou que a administración provincial xa leva distribuídos 4,2 millóns de euros, "dun total de 48,2 millóns que está dotado este plan".

En materia de infraestruturas, o goberno provincial aprobou hoxe o expediente para contratar as obras para dotar dunha senda peonil á estrada EP-5005 no Concello de Crecente cun orzamento de 240.000 euros, dos que o 80% será achegado pola Deputación e o 20% restante asúmeo o Concello.

Tamén foron aprobadas as bases do programa +Música, unha iniciativa que conta cun orzamento de 700.000 euros, "100.000 euros máis que o ano pasado", e que consiste nun catálogo de grupos que se pon a disposición dos municipios de menos de 50.000 habitantes para que conten con actuacións de grupos e artistas profesionais que levan a cabo interpretacións e composicións en lingua e de autoría galegas.

Milladoiro, Ortiga, Treixadura, Dakidarría, Budiño, Luar na lubre, The Rapants, Guadi Galego ou Lontreira, son algúns dos numerosos artistas incluídos neste catálogo que os concellos poderán solicitar entre o 1 e o 15 de marzo, podendo pedir unha actuación se o caché supera os 12.000 euros ou dous de menor importe. Estes concertos serán gratuítos e deberán desenvolverse entre o 1 de abril e o 31 de decembro.

Luís López tamén informou que a Deputación de Pontevedra vén de aprobar o patrocinio, por 140.000 euros, da proba ciclista O Gran Camiño, que se disputará do 26 de febreiro ao 2 de marzo de 2025. A segunda etapa, o 27 de marzo, terá saída en Marín e meta na Estrada.

O presidente provincial destacou a importancia deste tipo de eventos deportivos como "panca económica" e sinalou a oportunidade que representa para "dar a coñecer a nosa riqueza natural e paisaxística" pondo o foco no interior da provincia.

A Deputación tamén aprobou este venres destinar 360.000 euros a tres concellos dentro da segunda edición do Plan de infraestruturas deportivas.

Concretamente, vaise a beneficiar Baiona con 100.000 euros para os traballos de adecuación e mellora do pavillón do CEIP Fontes-Baiña; o Concello de Covelo con 60.000 euros para o mantemento da piscina municipal e o Concello da Estrada con 200.000 euros para a remodelación do campo de fútbol Manuel Regueiro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora