O atraso na recepción das obras do Estadio Municipal de Pasarón por parte do Concello de Pontevedra motivou o envío dunha carta por parte da Deputación, responsable da súa construción e recepción provisional, esixindo que se asuma a instalación, de titularidade municipal.
O presidente provincial, Rafel Louzán, dirixiuse ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para informalo de que "a partir do 1 de abril de 2014 non soportará ningún custo derivado das instalacións destas obras".
Dende a conclusión da reforma, en outubro de 2012 segundo a Deputación, esta institución asumiu, segundo o seu presidente, os custos derivados da conservación do céspede, electricidade ou outros conceptos por valor de máis de 100.000 euros "que non debía soportar".
Actualmente os técnicos municipais ultiman os informes definitivos sobre o estado da instalación, polo que a decisión sobre a recepción do campo debería producirse nas próximas semanas.