A Deputación de Pontevedra celebrou este venres a súa Xunta de Goberno na que acordou destinar 2,7 millóns de euros para as estradas provinciais da súa competencia nos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Silleda.
En Campo Lameiro adxudicáronse por 554.000 euros as obras que permitirán repoñer o firme, adecuar as marxes, mellorar a drenaxe e executar cunetas e redutores da velocidade na EP-8301, a EP-8302, a EP-8303 e a EP-8304, en Silleda aprobouse o proxecto reposición do firme na EP-6503 Silleda-Siador-Refoxos (780.000 euros) e deuse luz verde ao expediente de contratación das obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada de Mané a Rebón, en Moraña (EP-0503), cun orzamento de preto de 1,4 millóns de euros.
Segundo informou en rolda de prensa o presidente provincial, Luis López, tamén foi aprobada unha nova achega para o Concello de Portas coa que a institución provincial pasa a financiar integramente o proxecto de ensanche e acondicionamento da estrada de Portas a Romai (EP-8101).
Trátase dunha axuda no marco do Plan +Provincia 2026-2027, polo que os 277.000 euros que lle correspondían ao Concello no marco do convenio de colaboración (o 20% do orzamento) serán asumidos con fondos provinciais. Deste xeito, a Deputación achega os 1,4 millóns de euros nos que está valorado o proxecto.
"Unha semana máis contamos con máis e máis recursos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e para avanzar na seguridade dunhas infraestruturas imprescindibles e que deben estar nas mellores condicións", sinalou Luis López.
A Xunta de Goberno provincial tamén aprobou novas achegas por valor de 1,8 millóns de euros no marco da liña 3 do Plan +Provincia 2026-2027 coas que se impulsará a creación de 133 postos de traballo nos concellos de Crecente, A Estrada, Marín, Ponte Caldelas, O Porriño, Portas, Redondela, Silleda, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
Ademáis aprobáronse as bases das axudas para a posta en marcha de actividades culturais por parte de entidades sen fins de lucro aumentan o seu crédito ata os 350.000 euros, "unha suba de 50.000 euros e do 17% respecto ao ano pasado, cando alcanzaron a máis de 200 colectivos".
E tal e como adiantou esta semana o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores o goberno provincial aprobou a adenda ao convenio da Deputación co Concello da capital pola que a administración provincial pasará a financiar integramente a mellora da iluminación pública da zona norte do centro urbano da cidade, cunha achega de 2,3 millóns de euros.
O presidente lembrou que "inicialmente estaba previsto que a Deputación achegase 1,6 millóns de euros e o Concello os 700.000 euros restantes, e hoxe aprobamos a adenda ao convenio na que figura o axuste".
Por último, o goberno proivincial deu luz verde este venres á adxudicación, por 363.000 euros, do servizo que ofrecerá aos concellos de menos de 50.000 habitantes unha novidosa solución tecnolóxica de padrón municipal de habitantes.
Xa son 31 os concellos adheridos a este servizo, polo que se lles axudará durante un período de cinco anos, "e seguimos dispoñibles a outros concellos que o queiran solicitar", engadiu Luis López.