A Deputación financiará integramente as obras de transformación e posta en valor das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde Manuel de Graña, cun investimento total de preto de 500.000 euros.
Nunha visita realizada este luns á Illa de Arousa, os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola fixeron este anuncio.
O proxecto xa tiña consignados 424.505 euros do Plan Extra e, segundo adiantaron, agora a institución provincial tamén asumirá a porcentaxe de financiamento municipal a través do +Provincia, cunha achega doutros 74.913 euros que se aprobará proximamente na Xunta de Goberno.
As obras proxectadas continúan coa transformación realizada no Paseo Naval, tamén financiada con recursos da Deputación de Pontevedra, concretamente de 400.000 euros do Plan PON 2030.
Así a reforma comezará polo sur onde se fixo a praza pública detrás da Escola de Pau, enlazándose coa rúa Marqués de Bradomín.
Na zona onde están as casas modernistas reformarase unha praza central e mellorarase a accesibilidade desde Manuel de Graña, xa que actualmente hai unhas escaleiras que se tratarán de corrixir.
Na contorna dos xardíns, reformarase o firme, substituíndo de paso todas as canalizacións de servizos. Ademais, crearase un pequeno anfiteatro, con capacidade para unha vintena de persoas.
Tamén se renovará o firme e aspecto da citada rúa Alcalde Manuel de Graña, coa súa travesía, dotándoa igualmente de servizos.