O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Provincial, na que se aprobaron novas actuacións centradas en turismo, accesibilidade e cooperación cos concellos.
Entre as medidas máis destacadas figura a adxudicación das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada EP-9208, entre Noalla e Aios, no municipio de Sanxenxo. O proxecto, cun investimento próximo aos 1,1 millóns de euros, contempla a creación dun itinerario peonil ao longo de case un quilómetro para reforzar a seguridade viaria.
No ámbito das infraestruturas tamén se aprobou a mellora da seguridade na EP-0004, que conecta Marcón, Pintos e A Reigosa, cun orzamento superior aos 240.000 euros. Trátase dun treito clave ao dar servizo aos polígonos industriais do Campiño e da Reigosa e conectar Ponte Caldelas coa cidade de Pontevedra.
Ademais, a institución provincial deu luz verde á contratación das obras na EP-0403, entre Carballedo e Rebordelo, no concello de Cerdedo-Cotobade. Cun investimento de preto de 760.000 euros, o proxecto céntrase na mellora da drenaxe e da seguridade viaria.
No eido deportivo, aprobáronse axudas por valor de 280.000 euros para os concellos de Oia e Poio. O primeiro recibirá 94.000 euros para ampliar o espazo do Cabezo cunha nova pista de bolos, mentres que Poio contará con 184.000 euros para construír dúas pistas de atletismo no campo da Reiboa.
A Xunta de Goberno tamén deu continuidade ao programa “Pontevedra, Provincia +Inclusiva”, cunha dotación de 210.000 euros destinada a fomentar a accesibilidade universal. A iniciativa, dirixida a entidades sen ánimo de lucro, busca eliminar barreiras arquitectónicas, promover sistemas de comunicación inclusivos e favorecer a participación social. As axudas poderán acadar os 10.000 euros por proxecto, cun límite do 80 % do seu custo.
Outro dos asuntos abordados foi o Plan +Provincia, que mobiliza este venres máis de 1,7 millóns de euros para once concellos.
Así, Vilaboa recibe 77.000 euros para o pavimentado dunha vía en Barciela, en Santa Cristina de Cobres; Poio recibe 340.000 euros para que asuma parte do financiamento das obras de mellora das estacións de bombeo de auga residuais da Seca e o porto de Campelo. Na liña 2, a de gasto corrente, Baiona percibe 305.000 euros; Nigrán, 96.000 e Ponteareas, 119.00 euros. E por ultimo, na liña 3, de activación de emprego, son sete novas achegas por valor dun millón de euros aos concellos de Agolada, Ribadumia, Covelo, Meaño, Mondariz, Poio e Sanxenxo para impulsar un total de 96 novas contratacións.
No apartado turístico, aprobouse un convenio co Concello de Lalín para desenvolver un plan de márketing e promoción do destino, cun orzamento máximo de 73.000 euros.