A Deputación inicia en Combarro as obras de mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón

Poio
14 de outubro 2025

O presidente provincial expresou a súa satisfacción porque comezan unhas obras moi necesarias. E sinalou ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, como "artífice" deste proxecto

Inicio das obras entre Casalvio e O Padrón Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, achegouse este martes a Combarro para dar o pistoletazo de saída a unhas obras que mellorarán notablemente a mobilidade peonil entre os núcleos de Casalvito e O Padrón, no Concello de Poio.

A actuación, que supón un investimento de 725.000 euros financiados ao 100 % pola Deputación grazas aos programas do Plan Extra e +Provincia, busca ofrecer unha alternativa máis segura e cómoda para os peóns, evitando o tráfico intenso da estrada PO-308, unha das máis transitadas de Galicia con máis de 20.000 vehículos ao día.

O presidente expresou a súa satisfacción porque comezan unhas obras moi necesarias. E sinalou ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, como "artífice" deste proxecto diante dun grupo de veciños que se achegou para coñecer os detalles da actuación.

Pola súa banda, o rexedor de Poio, Ángel Moldes, cualificou esta intervención como "estratéxica", xa que non só mellorará a seguridade e accesibilidade da veciñanza, senón que tamén servirá para recuperar e poñer en valor os entornos tradicionais. A nova conexión será utilizada por mariscadoras e polos peregrinos que percorren a coñecida Ruta do Padre Sarmiento.

"O noso compromiso coa parroquia de Combarro é claro: en só dous anos levamos investidos máis de 3 millóns de euros", destacou Moldes, quen agradeceu o apoio da Deputación para facer realidade proxectos coma este.

A obra abrangue unha área de 2.500 metros cadrados, nos que se renovará o pavimento, melloraranse os servizos soterrados e daráselle un novo aspecto a unha contorna moi habitada e cargada de valor patrimonial e turístico. Trátase ademais dun treito polo que discorre a variante espiritual do Camiño de Santiago.

"O que facemos aquí é recoller as demandas reais da xente", engadiu Luis López, sobre este novo treito que vén complementar outras actuacións recentes como a mellora da PO-308 ou os aparcamentos disuasorios.

Este proxecto forma parte dun convenio asinado o pasado mes de maio. "Só en Poio, mobilizamos 3,5 millóns de euros en dous anos a través dos programas de cooperación", lembrou o presidente.

A visita tamén serviu para destacar o apoio da Deputación ao deporte no municipio, con iniciativas como a acollida dunha etapa de La Vuelta este verán, a creación dunha pista de pump track na Seca ou a pista multideporte en Vilariño. 

Inicio das obras entre Casalvito e O Padrón    Deputación de Pontevedra