O goberno provincial destinará 135.000 euros á reforma do polideportivo de Caldas de Reis

Umia
15 de abril 2025
Actualizado: 12:34

Van axeitar os espazos correspondentes á área de vestiarios, que se atopan deteriorados

Visita ao polideportivo municipal de Caldas de Reis
Visita ao polideportivo municipal de Caldas de Reis / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno do vindeiro luns unha inxección económica de 135.000 euros para a reforma da zona dos vestiarios do polideportivo municipal.

Así o anunciou este martes o deputado provincial Ricardo Martínez nunha visita a esta instalación xunto co alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez.

Farase a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, no que Caldas recibirá este ano un 100% máis de recursos que na anterior edición.

En 2024 Caldas de Reis recibiu de preto de 70.000 euros para a mellora das gradas e da iluminación no campo de fútbol das Corticeiras.

Ricardo Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que se adecuarán os espazos correspondentes á área de vestiarios, que se atopan deteriorados.

Deste xeito, actualizarase o espazo ás actividades e servizos que actualmente se demandan e, aproveitando as obras, tamén se executarán uns aseos na área común.

As obras a levar a cabo serán interiores, consistentes en pintado e alicatado e instalacións de fontanería e electricidade, con novos paneis LED.