A Deputación presenta un orzamento récord de 238,6 millóns para 2026

Pontevedra
28 de outubro 2025

Luís López referiuse tamén ás cidades de Vigo e Pontevedra, asegurando sentirse "orgulloso" de que a Deputación sexa "motor de investimento" fronte a quen "queren abrir guerras políticas"

Presentación del presupuesto de la Deputación para 2026
Presentación del presupuesto de la Deputación para 2026 / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presentou este martes o orzamento provincial para 2026, que ascende a 238,6 millóns de euros, un 13,6 % máis que o do presente exercicio. Coa inclusión dos organismos autónomos, o orzamento consolidado alcanza os 243 millóns.

López destacou que, en menos de tres anos, a institución aprobou tres orzamentos, "os mesmos que leva aprobado o Goberno Central en 7 anos", subliñando que a estabilidade política da Deputación permitirá que as novas contas entren en vigor o 1 de xaneiro de 2026. "Aquí non hai nada distinto a un goberno cun único socio: toda Pontevedra", afirmou.

O mandatario provincial sinalou que se trata do orzamento "máis alto da historia" da institución e que, por terceiro ano consecutivo, un de cada tres euros destinarase a apoiar aos concellos, especialmente aos de menos de 50.000 habitantes.

En total, 59 dos 61 municipios da provincia recibirán unha inxección de 128 millóns de euros, que poderán xestionar con "autonomía total". Entre os principais programas destacan o Plan Máis Provincia, dotado con 50 millóns —que en 2025 permitiu executar máis de 350 obras e xerar 660 empregos—, o novo Plan Extra, con 35 millóns para proxectos estratéxicos, e o plan extraordinario de infraestruturas deportivas, que contará con 8 millóns para modernizar instalacións.

Investimentos en Pontevedra e Vigo

Durante a presentación, celebrada no vestíbulo do Pazo Provincial e acompañado polo seu equipo de goberno, López referiuse tamén ás cidades de Vigo e Pontevedra, asegurando sentirse "orgulloso" de que a Deputación sexa "motor de investimento" fronte a quen "queren abrir guerras políticas".

O presidente lembrou que o concello de Vigo dispón de 100 millóns máis de orzamento que a propia Deputación, mentres que o de Pontevedra "ten máis fondos que a suma do catro seguintes municipios que lle seguen en poboación". A pesar diso, López subliñou que "investimos como nunca nas dúas cidades", que recibirán o vindeiro ano 7,5 millóns de euros en convenios para financiar e executar obras.

"Dáse a circunstancia de que estes dous concellos son os que máis reciben e son tamén os que máis confrontan, son os que máis obstáculos poñen e son os que máis dificultades teñen á hora de executar as súas obras", criticou o presidente, insistindo en que "na Deputación só van atopar colaboración".

No caso de Pontevedra, de cara ao ano 2026, o orzamento inclúe 210.000 euros para preparar a Bienal de 2027, consigna 8 millóns de euros para o Museo e mantén a reserva de 7 millóns de euros para Santa Clara. Ademais, a Deputación reserva 100.000 euros para o tríatlon e 300.000 euros para os Premios Feroz.

En Vigo, os investimentos inclúen 5 millóns para a piscina de Teis, 1,2 millóns para a reapertura do Teatro Cine Fraga e 5,3 millóns para a reforma da bancada de Gol de Balaídos, onde a Deputación financiará o 50 % do custo total, uns 13 millóns de euros.

Luis López, presidente de la Deputación
Luís López, presidente da Deputación Deputación de Pontevedra

Deporte, turismo e benestar social, eixos do orzamento

López tamén debullou os principais eixos da súa xestión, que denominou as "bandeiras" do goberno provincial. O orzamento de 2026 contempla 8,6 millóns para Deporte (un 35 % máis), 7 millóns para Turismo (+17 %), 7,6 millóns para Benestar Social (+15 %) e un aumento do 7 % en Cultura.

O apartado de equilibrio territorial inclúe 13,7 millóns para a mellora dos 1.600 quilómetros da rede viaria provincial.

Finalmente, o presidente agradeceu o traballo do seu equipo e avanzou que o vindeiro luns 3 de novembro defenderá as contas ante o Parlamento de Galicia.