Só unhas horas tardou a Deputación de Pontevedra en saír ao paso da queixa do Concello de Pontevedra acusando de "discriminación" á cidade por parte da institución provincial.
É o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, o que asegura que coa súa comparecencia o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, está "a mostrar o seu nerviosismo".
Domínguez afea ao rexedor que fixese pública "unha carta que debía de ser privada", e contrarresta os seus números con outros defendendo que "investimos máis dun millón de euros ao mes na cidade".
O representante da Deputación quéixase ademais de que as palabras de Lores cheguen "apenas sete días despois de que Lores e o presidente da Deputación, Luís López, asinasen un convenio de 2,2 millóns de euros para a iluminación de toda a zona este de Pontevedra, sobre todo da zona da Parda, ou do Instituto Luís Seoane, ao día seguinte de que eu anuncie o maior investimento da historia en Príncipe Felipe con máis de 3,6 millóns de euros para renovar a institución ou tres días antes de que haxa unha reunión importantísima no Concello para achegar 300.000 euros fóra de convenio aos Premios Feroz".
Por todo iso, afirma, "Lores entrou claramente en pánico, en campaña electoral" porque "está a ver que o Partido Popular sobe e é a forma que ten de protestar".
Rafa Domínguez quixo destacar nos últimos meses "conseguir facer unha bienal de arte con 125.000 persoas que foi un éxito internacional, ou ver que imos traer ao Museo de Pontevedra 'A derradeira lección do mestre' despois de moitísimos meses de traballo".
Por todo iso "ningunha preocupación pola nosa banda", afirma o vicepresidente provincial porque "sabemos dabondo que estamos a cumprir con Pontevedra, que o investimento da Deputación na cidade é enorme e o que falta aínda por anunciar".
Entre eses proxectos futuros Domínguez referiuse á senda de Tomeza "na que imos achegar máis de dous millóns de euros" ou á intervención proxectada en Mollavao "na que a Deputación vai achegar unha parte moi significativa", resolveu.