A Deputación presume de músculo veciñal nunha gala con máis de 700 asistentes en Pontevedra

Pontevedra
10 de decembro 2025
Actualizado: 8:54

O público puido coñecer de primeira man os resultados dos plans +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria, ademais de desfrutar da actuación da Coral de Valga

Primeira Gala Provincia Comunitaria
Primeira Gala Provincia Comunitaria / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra converteu esta noite o auditorio de Afundación nun punto de encontro multitudinario para o movemento veciñal da provincia. Máis de 700 persoas, representantes de asociacións e comunidades de usuarios de auga de múltiples concellos, asistiron á primeira Gala Provincia Comunitaria, un acto no que o presidente provincial, Luis López, reivindicou con forza o apoio "contundente" do goberno provincial ao tecido asociativo.

"En dous anos e medio pasamos de cero a case 11,5 millóns de euros en apoio ao movemento veciñal", subliñou López, quen tamén destacou o salto "de cero a case mil colectivos atendidos" e a creación de tres plans específicos para a veciñanza. "Non é o mesmo ter unha provincia que esquece aos seus, ca outra que os pon no centro", afirmou ante un auditorio cheo.

A gala, presentada pola xornalista Rocío Padín e o humorista Isi, contou tamén coa presenza do deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, principal impulsor destes programas, así como doutros membros do goberno provincial.

O público puido coñecer de primeira man os resultados dos plans +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria, ademais de desfrutar da actuación da Coral de Valga.

No balance destacouse que o Plan Provincia Comunitaria destinou 3,8 millóns de euros a melloras de locais sociais e equipamento, beneficiando 402 colectivos e que os dous plans +Aqua repartiron 4,1 millóns entre 439 entidades para reforzar sistemas de captación e abastecemento de auga. Pola súa banda, o novo +Novaqua, centrado na regularización de traídas, atendeu 70 solicitudes cun investimento de 340.000 euros.

"Non é igual apoiar a ningún colectivo que achegar recursos a 402… nin ignorar as traídas fronte a apoiar a regularización de 70", comparou o presidente, marcando distancia co anterior goberno provincial.

López avanzou ademais que a Deputación incrementará nun 20 % os orzamentos destinados a estes plans en 2026. As novas convocatorias partirán con 1,4 millóns de euros para +Aqua e Provincia Comunitaria, e 360.000 euros para +Novaqua.

Pola súa banda, o deputado Javier Tourís, encargado de dar a benvida aos asistentes, puxo en valor o labor altruísta das asociacións no eido da dinamización social, a mellora dos sistemas de auga e a contribución clave para fixar poboación no rural. Un traballo que, segundo recoñeceu Luis López, converte a Tourís no "maior valedor do movemento veciñal da provincia".

O presidente concluíu cunha mensaxe directa ao movemento asociativo no que remarcou que "estes plans non son un agasallo, senón unha obriga institucional e un exercicio de agradecemento". López asegurou que o apoio da Deputación manterase firme "grazas a vós, vivimos nunha provincia máis avanzada, máis participativa e máis cohesionada".