O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha moción do grupo do Partido Popular na que se esixe a dimisión da ministra de Igualdade, Ana Redondo, polo mal funcionamento das pulseiras telemáticas de control para agresores por violencia machista.
A iniciativa contou co apoio en solitario do PP, mentres que o PSOE votou en contra e o BNG optou pola abstención ao non aceptarse as súas emendas, centradas en reforzar o persoal do IMELGA, mellorar a coordinación institucional e abordar os problemas de cobertura destes dispositivos en Galicia.
A sesión rexeitou tamén as mocións do grupo socialista para incrementar os recursos na área de Igualdade -que só recibiu o apoio do BNG— e a proposta de transferencia á Deputación de catro treitos de estradas municipais de Rodeiro, ao non aceptar o PSOE as emendas formuladas polo PP.
Pola súa banda, saíu adiante o convenio entre a Deputación e a Consellería de Cultura para a rehabilitación do Teatro Cine Fraga de Vigo. O acordo, aprobado cos votos favorables do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE, supón un investimento provincial de 10,2 millóns de euros entre 2025 e 2028 para financiar a redacción do proxecto, a execución das obras e a dirección dos traballos.
Tamén se aprobou o convenio coa UNED para a asistencia técnica no proxecto de mellora da eficiencia enerxética da fachada do seu centro en Pontevedra, con apoios de PP e PSOE e a abstención do BNG, que reclamou máis medios para o servizo de Arquitectura da Deputación co fin de avanzar nos proxectos de Santa Clara e nos edificios centrais do Museo.

Ademais, autorizouse unha modificación de crédito para o desenvolvemento do programa europeo “A.W.A.V.E.S”, destinado á posta en valor do patrimonio marítimo material e inmaterial. A operación, por importe de 40.000 euros, recibiu o voto favorable do PP e a abstención de socialistas e nacionalistas.
Por último, aprobouse o cambio de titularidade dun treito da estrada provincial EP-0203 entre Caritel e Anceu en favor do Concello de Ponte Caldelas, así como a prórroga dos prazos para solicitar e executar investimentos da Liña 1 do Plan +Provincia 2024, que se estenden agora até finais de 2026 para facilitar a xestión dos concellos que están a atopar dificultades administrativas.