Antes do verán, a anterior concelleira de Educación, Sandra Fernández, iniciou unha serie de xestións coa Xefatura Territorial que a actual concelleira puido concluír. Así froito da colaboración de ambas as administracións realizáronse unha serie de melloras nos colexios valoradas en 34.417,26 euros.
Melloras como o cambio de carpintería exterior no CEIP Telleiro, o acondicionamento e pintado da fachada do CEIP A Florida e a substitución do chan en dúas aulas e corredores do edificio de educación infantil do CEIP de Portonovo entre outras.
Pola súa banda, o Concello realizou ao longo do verán un investimento de 66.393,53 euros que permitiu as seguintes melloras: nova cancilla no CEIP Magaláns, arranxos varios de albañilería no CEIP A Florida, comedor e reparación de tellado e beirados no CEIP O Telleiro, limpeza de canlóns e colocación de chapas de protección nas ventadas das vivendas do profesorado no CEIP O Cruceiro, reforma de baño e reposición de persianas no CEIP de Portonovo e a colocación de perfís de arrastre nas porta do CEIP de Nantes.
Doutra banda, e financiado a través do Plan de Concellos da Deputación 2016, dotouse ao CEIP de Magaláns dun comedor escolar por un importe de 27.596 euros.
DÚAS PISTAS POLIDEPORTIVAS PENDENTES
Ademais, para dar resposta a unha histórica demanda, a concelleira de educación nunha recente reunión coa Xefatura Territorial logrou o compromiso desta administración de facer un novo pavimentado e pintado na pista deportiva no CEIP da Florida e a recollida e canalización de pluviais que ascende a 37.536,49 euros.
Por último, está prevista no CEIP Nantes a construción dunha pista polideportiva financiada grazas ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra por un importe 253.131 euros.
O goberno de Sanxenxo mostrouse "moi satisfeito dos bos resultados que está a dar a colaboración institucional das tres administracións".