Desbloqueadas as obras do Gorgullón, Multiusos, Ponte do Burgo e o Mercado de Abastos

Pontevedra
26 de xullo 2018

O Concello recibe autorización do Estado para, a través de crédito, adiantar parte dos fondos europeos previstos nestes proxectos e desbloquear así unha situación que preocupaba no goberno municipal. As adxudicacións produciranse "en cuestión de días", asegurou a concelleira Carme da Silva

Ponte do Burgo
Ponte do Burgo / Mónica Patxot

As obras previstas polo Concello de Pontevedra vinculadas a fondos europeos a través da Estratexia DUSI poderán adxudicarse "en cuestión de días".

Así o confirmou este xoves a concelleira Carme da Silva, tras recibir autorización do Estado para, a través de crédito, adiantar parte dos fondos previstos e así desbloquear unha situación que preocupaba e moito, a tratarse de proxectos para o período 2014-2020 e que de non sacarse adiante supoñería perder un importante financiamento.

"É unha moi boa noticia porque levábamos moito tempo esperando que Madrid nos autorizase", explicou a edil. 

Mentres iso non sucedía, o goberno local adiantou ao máximo a tramitación necesaria para agora proceder coas adxudicacións coa maior brevidade posible.

En concreto o Concello prevé adxudicar de maneira inminente obras por valor de 6,5 millóns euros dos ao redor de 12,5 millóns incluídos na Estratexia  DUSI, cuxa financiamento corre a cargo ao 80% de fondos europeos e ao 20% restante das arcas municipais.

Entre os  poyectos de maior envergadura que se verán desbloqueados atópanse a reforma da rúa Gorgullón, a peonalización da ponte do Burgo, o pavillón Multiusos da Xunqueira ou a adecuación da planta superior do Mercado de Abastos.