Desconvocada a folga: preacordo entre as traballadoras de Kiddy's Class e Inditex

Pontevedra
17 de novembro 2017

Segundo a parte sindical o preacordado acadado elimina unha discriminación coa tenda de Pontevedra na que as traballadoras atopábanse con salarios máis baixos, contratos a tempo parcial, maiores dificultades para poder facer unha conciliación familiar e maltrato laboral

Traballadoras de Kiddy's Class reparten folletos denunciando a súa situación laboral Mónica Patxot

As traballadoras de Kiddy's Class Pontevedra alcanzaban na tarde deste venres un preacordo co Grupo Inditex e por tanto desconvocan a folga prevista para o vindeiro venres 24 durante a xornada do Black Friday. Segundo UXT, na negociación alcanzáronse xustas reivindicacións laborais e desconvocan a folga rexistrada. 

O preacordo formalizarase ao longo da próxima semana e afectará as tendas de Pontevedra e Vigo, mellorando as condicións laborais aínda que non se chegaron a ofrecer os datos concretos da suba salarial.

As 12 traballadoras que forman o persoal da tenda de Pontevedra queixábanse de ter salarios máis baixos que as doutras tendas do grupo e dos establecementos da mesma cadea na Coruña, ademais contan con contratos a tempo parcial, maiores dificultades para poder facer unha conciliación familiar e uns malos tratos laborais respecto doutras tendas do grupo. 

A plataforma presentada por UXT e, a través da que se chegou a un acordo, establecía melloras salariais, melloras en axudas sociais, disposición de horas laborais para atender a adaptación escolar ou o acompañamento de familiares. Ademais tamén se reclamaban categorías profesionais, licenza por lactación e melloras nos calendarios laborais.

Segundo fontes sindicais, o grupo Inditex está a realizar peches de tendas de Kiddy's Class en toda España. Con todo, as tendas de Pontevedra ofrecen un bo balance económico con beneficios anuais.