O desfile de Campelo abre un Entroido en Poio que se prolongará ata o 19 de marzo

Poio
12 de febreiro 2026

Música, disfraces, sátira e moita creatividade darán forma ao Entroido de Poio, unha festa que medra cada ano en participación

Desfile do Entroido en Poio 2024 Concello de Poio

Este domingo, ás 12.00 horas, Campelo acolle o tradicional desfile que marcará o inicio dunha programación ampla de Entroido, participativa e chea de cor que se estenderá ata o vindeiro 19 de marzo por todas as parroquias do municipio.

A comitiva partirá da biblioteca municipal para rematar na Praza da Granxa nun percorrido no que non faltarán música, coreografías e moita retranca.

Xunto ás comparsas locais (Grupo de Carnaval Samieira, As Sonecas, Os Canecos e Os 100Tolos) desfilarán formacións chegadas de diferentes puntos da provincia e de Galicia, como Alegría de Bora, Os Miúdos, Os Retrincos, Politicamente Incorrectos e Os Paparrulos.

Ao seu carón, grupos, parellas e participantes individuais competirán no concurso de disfraces, que repartirá un total de 4.820 euros en premios. A xornada culminará coa entrega de galardóns e animación musical a cargo de Due Eventos, poñendo o broche a unha festa que promete espectáculo e diversión para todos os públicos.

Os premios abranguen categorías infantil (ata 14 anos) e adultos, tanto en modalidade individual como en parella e grupo.

No apartado de adultos, os galardóns individuais irán dos 170 euros do primeiro premio aos 50 do cuarto; en parellas, o máximo será de 210 euros; e nos grupos, o primeiro posto acadará os 500 euros. No caso da categoría infantil, os premios individuais oscilarán entre 120 e 70 euros; en parellas, ata 160 euros; e en grupos, 250 euros para os gañadores.

Ademais, outorgaranse mencións especiais á mellor animación e aos choqueiros, compatibles co resto de categorías e dotadas con ata 200 euros.

As persoas que desexen participar de xeito individual ou en parella poderán inscribirse o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas, nas inmediacións da biblioteca municipal, achegando copia do DNI (e no caso de menores, tamén da persoa titora). As asociacións deberán presentar copia do CIF e do DNI da persoa representante.

Pola súa banda, as comparsas deberán estar no punto de encontro unha hora antes da saída, accedendo pola PO-308, Avenida de San Xoán, polo Casal, onde se repartirán os dorsais.

O Concello habilitará aparcadoiros disuasorios debidamente sinalizados e, no caso de previsión de choiva, agardará ata a véspera para decidir un posible aprazamento.

A festa non rematará en Campelo. O venres 27 celebrarase na Seca a terceira edición da Pasarela de Entroido, que reunirá doce comparsas e rematará cunha gran festa amenizada por Dolce Vita.

O sábado 28 será a quenda do tradicional Enterro do Galo Fodorico na Praza do Mosteiro, seguido da Festa Choqueira organizada pola ACV Ronsel, con premios, chocolate quente e a actuación do Dúo Estelar.

Ao longo das semanas seguintes, outras citas sinaladas serán o Enterro do Mexillón en Combarro (18 de febreiro), o Enterro do Berberecho en Lourido (1 de marzo), o desfile e enterro do Galo Bruxo en Samieira (14 de marzo) e o Enterro da Galiña Vilarica en Vilariño (19 de marzo).

Música, disfraces, sátira e moita creatividade darán forma a un Entroido que medra cada ano en participación.

O Concello anima á veciñanza e ás persoas visitantes a saír á rúa e formar parte dunha celebración pensada para todas as idades.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en