Desfiles e comparsas esta fin de semana para iniciar o Entroido en Poio

Poio
25 de febreiro 2026
Actualizado: 17:22

Este venres 27 de febreiro comezará a festa que estará protagonizada pola Pasarela de Comparsas, Enterro do Mexilón e Desfile de Disfraces, tras ter que aprazarse polo mal tempo

Desfile de Entroido 2025 de Poio

Esta última fin de semana de febreiro, Poio vivirá un Entroido marcado polo bo tempo, despois de que a súa celebración tivera que ser cancelada na súa data orixinal.

A festividade comezará o venres 27 de febreiro, coa terceira edición da Pasarela de Comparsas na Seca, na que participarán trece agrupacións de toda a provincia, finalizando coa actuación da discoteca móbil Dolce Vita e a entrega de mencións especiais do desfile.

Nesta cita participarán as agrupacións locais As Sonecas, Os 100Tolos, Os Canecos e Grupo Entroido Samieira, ademais das formacións AC Moreira A Tope, Alegría de Bora, Os da Cana, Os Retrincos, Os Paparrulos, Politicamente Incorrectos, Os Miúdos, Amigos dos Rapaces e Cor Café.

O sábado 28 de febreiro, será a quenda do Enterro do Mexilón en Combarro, outro evento obrigado a atrasarse polas choivas, organizado pola AC Ateneo Corredoira.

A ruta comezará ás 20:00 horas en Peirao da Canteira con destino na Praza da Chousa e irán acompañados das comparsas locais.

Finalmente, o domingo 1 de marzo, recupérase o Desfile de Disfraces de Campelo que terá lugar ás 12:00 horas desde a Biblioteca Municipal de Poio.

Neste desfile, pódense apuntar tanto grupos como parellas ou individuais.

O prazo para inscribirse é o propio día do desfile, entre as 9:30 e as 11:00 nos arredores da Biblioteca Municipal. É necesario presentar o DNI e os menores deberán ir acompañados dun titor.

As asociacións que desexen participar deberán achegar copia do CIF e do DNI do seu representante.

Os participantes deberán presentarse fronte á Biblioteca Municipal unha hora antes da saída para a repartición de dorsais.

O acceso para as comparsas realizarase pola PO-308, Avenida de San Xoán, a través da zona do Casal. A organización habilitará aparcadoiros disuasorios debidamente sinalizados.

PREMIOS

A cerimonia terminará na Praza da Granxa, onde se entregarán os premios nun ambiente amenizado por Due Eventos.

En total repartiranse 4.820 euros entre as categorías individual, parellas e grupos, divididas en infantil (ata 14 anos) e adultos.

En disfraces de adultos, os premios individuais oscilan entre os 170 e os 50 euros; en parellas o primeiro premio é de 210 euros e en grupos alcanza os 500 euros.

En categoría infantil, os individuais van de 120 a 70 euros; en parellas o máximo é de 160 euros e en grupos o primeiro premio é de 250 euros.

Mantéñense as mencións especiais de 200 euros para choqueiros e animación, avaliadas por un xurado da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte.

ENTROIDO ATA O 21 DE MARZO

A programación esténdese durante o mes coas seguintes citas:

  • 7 de marzo: Enterro do Berberecho en Lourido.

  • 14 de marzo: Desfile e enterro do Galo Bruxo en Samieira.

  • 19 de marzo: Enterro da Galiña Vilarica en Vilariño.

  • 21 de marzo: Ás 21:00 horas na Praza do Mosteiro terá lugar o Enterro do Galo Fodorico, seguido da Festa Choqueira organizada pola ACV Ronsel. O evento contará con entrega de premios, chocolate quente e a actuación musical do Dúo Estelar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en