Despois do descubrimento de Cornelia os arqueólogos achan o esqueleto dun bebé na Lanzada

Sanxenxo
20 de setembro 2016

Trátase dos primeiros restos dun neonato que aparecen no Campo da Lanzada. O achado supón unha novidade desde o punto de vista antropolóxico xa que se pensa que naquela época non era habitual enterrar os menores dun ano

Achado do esqueleto dun bebe Deputación

Un día despois do levantamento do esqueleto de "Cornelia " xurde un novo achado no xacemento da Lanzada. Neste caso, o equipo de arqueoloxía da Deputación atopou esta martes o corpo dun bebé.

Segundo indica a doutora e antropóloga física, Olalla López Costas, da Universidade de Santiago de Compostela, que xa participara no estudo dos esqueletos que xurdiron nas escavacións da Lanzada nas décadas dos 60 e 70 do século pasado, trátase da primeira vez que aparecen ósos dun bebé na Lanzada, neste caso, dun neonato moi deteriorado que se atopaba encollido nunha zona de área situada 5-6 metros a carón de "Cornelia".

A doutora López asegurou que este achado casual do esqueleto do bebé non ten porqué implicar relación co da muller nova atopada onte, pero si é unha novidade desde o punto de vista antropolóxico xa que se pensa que naquela época non se enterraban os menores dun ano.

Pola súa banda, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, considera que se trata dun esqueleto de igual época que Cornelia, é dicir, e a falta de estudos que o confirmen, do século I despois de Cristo. 

Os expertos non descartan que aparezan novos esqueletos similares.