O equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra localizou este martes un novo bebé e dous adolescentes no Campo da Lanzada. Son tres descubrimentos que elevan a dez o balance actual de achados neste castro de Noalla (Sanxenxo): sete menores de idade, dous adolescentes e unha muller adulta, a coñecida como 'Cornelia'.
Segundo informou a Deputación, os dous corpos dos adolescentes atopáronse un cos pés á altura da cabeza do outro e viceversa, nun grao de conservación moi bo, e soterrados en caixa na area ao igual que 'Cornelia'.
O equipo da institución provincial encargado dos traballos no Campo da Lanzada aínda descoñece os seus sexos, pero si puido confirmar que estas persoas eran dunha grande estatura, bastante máis que 'Cornelia', e de complexión forte. Ademais, sinalan que puideron ter relación con esta muller xa que os seus restos foron atopados a carón dela, mais isto é soamente unha hipótese.
O bebé foi atopado no mesmo vertedoiro no que se produciron os achados de dous bebés a pasada semana. A súa conservación non é tan boa coma a dos corpos adolescentes, e de feito o seu corpo, especialmente o cranio, atopouse moi fracturado. Os restos estaban a escasos 10 centímetros deses outros dous bebés e, ao igual ca eles, era menor dun ano.
No Campo da Lanzada xa foron localizadas máis de 15.000 pezas en total. Aproximadamente 500 son de cerámica romana de luxo, e tamén se atoparon oito moedas de bronce romano que se atopan nestes momentos en proceso de estudo e de limpeza.