Despregamento de fantasía e animación para este martes co desfile da Batalla de Flores

Pontevedra
12 de agosto 2024

Sairá  ás 19.00 horas desde Loureiro Crespo e terminará en Padre Amoedo. O Concello dispón un primeiro tramo sen música co obxectivo de ofrecer unhas festas inclusivas e diversas

Batalla de Flores das Festas da Peregrina 2023 Mónica Patxot

As Festas da Peregrina chegan este martes 13 cunha tarde disposta para gozar en familia. A Batalla de Flores está lista para percorrer as rúas de Pontevedra e ofrecer diversión para o público de menos idade, pero tamén para volver sentirse nenos por unhas horas.

Oito carrozas realizarán este desfile achegando a personaxes animados dos Minnions, Aladin, Hércules, Vaiana, Ice Age ou Sonic. Acompañaranlles espectáculos de rúa a cargo de Troula, Barafunda, Rivel e Pablo Méndez e animación musical con charangas e gaiteiros. Sinalar que durante un primeiro tramo do percorrido previsto discorrerá sen música co obxectivo, desde o Concello de Pontevedra, de ofrecer unhas festas inclusivas e diversas.

A comitiva festiva sairá ás 19.00 horas desde Loureiro Crespo seguindo por Benito Corbal, Cobián Roffignac e Pai Amoedo. Este percorrido conleva restricións de estacionamento desde as 13.30 horas na Avenida de Lugo e San Mauro e a partir das 16.30 horas nas rúas do percorrido. De igual forma, todas elas estarán afectadas por cortes para a circulación de vehículos: as dúas primeiras a partir das 16.00 horas e as restantes a partir das 18.00 horas.

Como é habitual neste tipo de eventos tamén se dispuxeron entre as 18.00 e as 21.00 horas uns accesos alternativos para os vehículos que precisen chegar ao Hospital Provincial e QuirónSalud.