Destinan 2,5 millóns para comprar material cirúrxico para os hospitais de Coruña e O Salnés

O Salnés
19 de marzo 2016

A Consellería de Sanidade publicou no Diario Oficial de Galicia a licitación do expediente de gasto para equipar os novos bloques cirúrxicos do Hospital do Salnés e o Hospital Universitario da Coruña

Hospital do Salnés Cristina Saiz

A Consellería de Sanidade publicou no Diario Oficial de Galicia o anuncio do expediente de gasto destinado á dotación de equipamento do novo bloque cirúrxico do Hospital do Salnés.

Tamén se inclúe neste expediente equipamento para o Hospital Universitario da Coruña, todo iso por valor de 2.493.205 euros.

Con esta licitación procederase á compra dos equipos que deben ser instalados para poñer en funcionamento os bloques cirúrxicos na fase final das obras de ampliación do hospital.

Segundo as previsións que manexa a Consellería, no que respecta ao Hospital do Salnés a primeira fase das obras concluirá a finais do primeiro semestre deste ano, o que permitirá dar un mellor servizo na área de urxencias e obstetricia.

No expediente, conxunto para Coruña e O Salnés, contémplanse 18 lámpadas cirúrxicas de alta gama con tecnoloxía LED, 18 mesas cirúrxicas de altas prestacións motorizadas, tres torres de endoscopia cirúrxica para cirurxía xeral e dixestiva e outra para o servizo de otorrinolaringoloxía.

Tamén se contempla a dotación completa de tres quirófanos de cirurxía endoscópica con integración da imaxe e os sistemas de control.