Destinan 440.000 euros a cambiar a iluminación do Teatro Principal e dotalo dun ascensor e aseos adaptados

Pontevedra
02 de agosto 2021

As obras están divididas en dous lotes. O primeiro, de 190.000 euros, é o proxecto básico de execución e de reforzo estrutural e de reforma dos aseos.  O segundo lote, por 248.000 euros, destinado á renovación do sistema de iluminación.

Representación do espectáculo de circo 'Rojoestándar', da compañía andaluza Lanördika, en Domingos do Principal
Representación do espectáculo de circo 'Rojoestándar', da compañía andaluza Lanördika, en Domingos do Principal / Diego Torrado

O Concello de Pontevedra aprobou este luns 2 de agosto o expediente de contratación das obras do Teatro Principal cun orzamento de 438.478 euros.

As obras están divididas en dous lotes. O primeiro, de 190.000 euros, é o proxecto básico de execución e de reforzo estrutural e de reforma dos aseos. O segundo lote, por 248.000 euros, destinado á renovación do sistema de iluminación.

As obras terán un prazo de execución de tres meses e establecerase un plan de traballo que permita, na medida do posible, compatibilizar a reforma coa actividade do edificio.

O reforzo estrutural do edificio realizarase na área do escenario e estará ligada á substitución de todo o sistema de iluminación. Segundo informou a concelleira Carme Da SIlva, a intensidade do calor provocado por todos os focos do escenario "provocou pequenas grietas e problemas estruturais"

En materia de accesibilidade universal, o proxecto inclúe a reforma dos aseos da planta baixa, que serán adaptados para que poidan ser usados tamén por persoas ostomizadas, e a instalación dun ascensor no vestíbulo principal.

Este ascensor, que terá unha cámara transparente para minimizar o seu impacto visual, permitirá acceder a todas as plantas do Teatro Principal, desde a -1 (onde están os camerinos e as salas técnicas) ata a terceira, onde hai unha sala de usos polivalente.

A terceira das actuación substituirá todo o sistema de iluminación que, ademais de ser máis profesional e estar adaptado ás necesidades actuais, apostará pola tecnoloxía LED. Ademáis de supoñer un aforro enerxético de case un 90% esta mellora permitirá as mesturas de cor mediante un control dixital.

Implicará o desmonte da infraestrutura existente, incluídos os cadros e o cableado, a instalación do novo sistema, cambios nas consolas de control ou a substitución das lámpadas.