Desvelado o misterio do local xunto á ponte das Correntes

Pontevedra
15 de outubro 2019

Un cartel anunciador dos produtos que ofrecerá a nova empresa daba unhas pistas do sector ao que pertence. Pero foi definitiva a fotografía que acompaña a este cartel para descubrir que establecemento, con case un século de historia, ocupará estas instalacións

O futuro establecemento con acceso en coche e próximo á zona monumental Cristina Saiz

Nas últimas semanas, numerosas persoas interesáronse por coñecer o nome do establecemento que vai ocupar o amplo local que durante anos acolleu a popular Tapería-Bar San Cristóbal e que levaba xa un tempo baleiro.

Un cartel anunciador dos produtos que ofrecerá a nova empresa daba días atrás unhas pistas do sector ao que pertence. Pero foi definitiva a fotografía que acompañaba a este cartel e onde se evocaba a fachada da Droguería Moderna, fundada en 1924 e que pechaba as súas portas en 2017, na Praza de Curros Enríquez.

Preguntamos na contorna da empresa, e confírmannos que o novo establecemento, na avenida de Uruguai, 29, fronte á ponte das Correntes e o Club Naval, dará continuidade ao histórico comercio.

Engaden que se buscou esta localización "pensando na comodidade para acceder en coche, para todo tipo de clientes; tanto rural, parroquias, e usuarios dos servizos e produtos que tiña este establecemento". Ademais, trátase dunha zona próxima ao centro de Pontevedra, a tan só 7 minutos a pé desde o concello, e que se atopa "en expansión, preto do centro pero tamén en unión co barrio do Burgo a través da ponte, próxima xa a súa inauguración como peonil".

Previsiblemente, cara a finais de outubro abrirá as súas portas o novo local, que conta con amplo baixo e soto, e no que estes días se ultiman os traballos, encargados á empresa pontevedresa Ecomir.

Segundo aseguran desde a dirección da empresa, manterá o espírito, a tradición, o stock e os servizos das firmas -xa coñecidas na nosa cidade- Droguería Moderna e Farmacia Esteban, con máis espazo e maior accesibilidade.