Detectan que axentes da Policía Local de Sanxenxo traballaban menos horas das establecidas por lei

Sanxenxo
13 de maio 2020

O goberno local reorganiza as quendas ao detectar un desaxuste no número de horas traballadas durante os últimos anos. En lugar das 1.642 horas anuais establecidas por lei, algúns axentes realizaban unha media de 1.320 horas ao ano, segundo o goberno de Telmo Martín

Mesa Xeral de Negociación en Sanxenxo
Mesa Xeral de Negociación en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo convocaba este martes unha mesa xeral de negociación na que se analizou cos representantes da Policía Local un novo cuadrante de quendas para os axentes. Esta proposta presentábase porque nos últimos anos, segundo expoñen desde o goberno de Telmo Martín, producíronse desaxustes nas quendas de traballo provocando que parte do persoal non alcanzase as horas anuais marcadas por lei.

En lugar das 1.642 horas que establece o estatuto básico do empregado público, algúns axentes só realizaban unha media de 1.320 horas ao ano. Desta forma, o concelleiro de Persoal, Marcos Guisasola, e o concelleiro de Seguridade, Jaime Leiro, presentaron na reunión realizada por videoconferencia o novo sistema de quendas que implicará a rotación do persoal e un horario equitativo para mellorar o servizo.

Este problema, segundo manifesta Guisasola, detectouse ao realizar a revisión do servizo polos requirimentos do estado de alarma. A partir dese momento analizouse a situación a través dun estudo e buscouse a fórmula para igualar as condicións de todo o persoal.

A proposta do novo cuadrante presentouse na mesa de negociación aos representantes da CIG, UXT e CSIF. Comisións Obreiras non acudía a esta cita alegando motivos formais.

Esta nova organización establece quendas rotatorias de seis días consecutivos de traballo e catro de libranza. Un sistema que, segundo o Concello, practícase noutros municipios con resultado satisfactorio. O goberno local tamén anunciou a incorporación ao persoal da Policía Local dunha traballadora procedente do organismo autónomo Terra para labores administrativas.