O dobre crime que sacudiu a toda Pontevedra en 2009, o asasinato de dúas mulleres nacionalidade chinesa nun piso da rúa Amado Carballo, está de novo de plena actualidade.
É así tras a detención de Wen Bin Sun, o home ao que os investigadores consideraban o principal sospeitoso da morte das vítimas e que antes de ser detido logrou fuxir a China, país que denegou a España a súa extradición.
As autoridades de Panamá foron as que informaron deste arresto, que se produciu no aeroporto internacional de Tocumen, o principal do país.
A Policía Nacional confirmou que esta persoa, da que se limitan a dicir que é un "cidadán asiático", foi aprehendido pola Interpol Panamá.
Era unha persoa "con notificación vermella" como presunto autor dun delito de homicidio, feito ocorrido no 2009, "en prexuízo de dúas cidadás chinesas en Galicia", indicou a Policía nunha publicación na rede X (a antiga Twitter).
Ademais, segundo informa a axencia EFE, o diario local La Estrella detalla que a noite do luns a Interpol Panamá soubo que o sospeitoso, sobre o que pesaba unha orde de arresto polo crime de Pontevedra, tiña previsto chegar a Tocumen nun voo en tránsito.
O crime polo que España requiría a este cidadán de orixe asiática ocorreu en abril de 2009 no interior dun piso da rúa Amado Carballo, en Pontevedra, no que residían dúas mulleres de nacionalidade chinesa, Kung Zun, de 43 anos, e Guang Qu, de 45.
A máis nova destas dúas mulleres morreu por estrangulamento, mentres que a súa compañeira de piso foi asfixiada tras tapar as súas vías respiratorias coa mesma cinta de embalar coa que foi atada durante o seu cativerio.
Un xurado popular declarou a Zhang Hai Jie, o único acusado por estas mortes, culpable unicamente do homicidio de Guang Qu, unha condena a 14 anos de cárcere que acabou sendo revogada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, deixando o crime sen castigo.
Xa durante o xuízo os investigadores sostiñan que, polo menos Guang Qu, fora asasinada por dúas persoas, identificando ao segundo sospeitoso como Wen Bin Sun, o home que agora, tras ser arrestado en Panamá, será extraditado a España para o seu procesamento.