Detida por roubar a polo menos catro persoas con alto grao de dependencia ás que coidada

Pontevedra
23 de outubro 2025

A Policía Nacional acúsaa de roubar xoias valoradas en máis de 10.000 euros en vivendas nas que traballaba. A investigación continúa aberta, pendente de localizar novas vítimas

Xoias recuperadas
Xoias recuperadas / Policía Nacional de Pontevedra

Roubaba a quen debía coidar. Iso facía, segundo a Policía Nacional de Pontevedra, unha muller que traballaba coidando a persoas con alto grao de dependencia nos seus domicilios e acaba de ser detida.

Acúsana de roubar numerosas xoias valoradas en máis de 10.000 euros nas vivendas nas que traballaba.

Segundo a información policial facilitada, aproveitaba que tiña acceso ás habitacións desas persoas ás que coidaba, pois son pacientes moi vulnerables e con alto grao de dependencia ás que atendía directamente no seu domicilio.

Unha vez nas habitacións, subtraía pulseiras, cadeas, pendentes, broches e colgantes de ouro, algunhas delas de gran valor.

A continuación, vendía as xoias en diferentes establecementos de compra-venda de ouro de Pontevedra. Fixo ata 16 vendas.

A súa actuación destapouna a irmá dunha das vítimas, que descubriu que lle faltaban xoias e denunciou.

A partir de aí, a Policía Nacional abriu unha investigación e logrou identificar e localizar á presunta autora e detela por un delito de furto continuado.

Até agora, os axentes localizaron a catro vítimas especialmente vulnerables, aínda que a investigación continúa aberta, pendente de localizar novas vítimas.

O grupo de investigación da Policía Nacional recuperou gran cantidade de xoias, que as vítimas recoñeceron como súas e puideron recuperalas.