Axentes da Policía Local detiveron un home que foi sorprendido agredindo a súa parella en plena rúa, unha muller á que agarrou do pescozo.
Os feitos sucederon na madrugada do pasado 11 de abril, ao redor das 04:00 horas, nunha rúa do centro da cidade.
A muller, segundo alertaron as testemuñas á Policía Local, estaba pedindo auxilio.
Cando estas persoas tentaron achegarse para intervir e socorrer á vítima, os dous abandonaron o lugar correndo.
Foron interceptados rapidamente por outra patrulla da Policía Local nas inmediacións.
Os axentes entrevistáronse por separado coa muller, que se atopaba visiblemente nerviosa, e confirmou que mantiña unha relación afectiva co presunto agresor dende hai dous anos.
Tamén explicou que este amosárase violento de forma repentina sen motivo aparente agarrándoa polo pescozo.
A muller tamén sinalou que non era a primeira vez que o detido tivera este tipo de alteracións violentas.
Ante este relato o home foi detido e posto a disposición xudicial de xeito inmediato, investigado por un delito de violencia de xénero.