Detido por agredir á súa parella en Pontevedra e ameazala cunha machada

Pontevedra
17 de xaneiro 2026

A vítima explicou que a súa parella iniciara unha discusión tras verlle unha conversación de WhatsApp. O detido está investigado por un delito de violencia de xénero

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo un home que está acusado de agredir á súa parella e de ameazala cunha machada.

O suceso produciuse o pasado 13 de xaneiro, sobre as 14:15 horas.

Un veciño que se atopou á muller na rúa pedindo auxilio foi quen alertou aos axentes.

Dúas patrullas desprazáronse até a vivenda onde se entrevistaron coa vítima, que lles explicou que a súa parella iniciara unha discusión tras verlle unha conversación de WhatsApp.

A disputa tornouse violenta cando o home a empuxou, arrebatoulle o teléfono móbil e ameazouna cunha machada.

Ante o temor pola súa integridade, a muller optou por fuxir do domicilio.

A vítima relatou aos axentes que esta non era a primeira vez que se producían feitos similares, aínda que non se atrevera a denuncialos por medo.

Os axentes dirixíronse entón ao interior da vivenda, onde localizaron ao home nun estado de visible alteración.

Admitiu que mantivo unha discusión coa súa parella e confesou que tamén ameazara ao seu irmán, ao considerar que estaba implicado nas mensaxes de WhatsApp que motivaron a pelexa.

O arrestado foi trasladado a dependencias xudiciais para ser posto a disposición xudicial, investigado por un delito de violencia de xénero.