Un roubo frustrado nas obras de restauración da Basílica de Santa María rematou cunha persecución e unha detención a noite do mércores 11 de xuño no centro histórico de Pontevedra.
Un home foi arrestado despois de ser sorprendido mentres subtraía ferramentas das estadas instaladas na fachada do templo, que está en proceso de rehabilitación.
Os feitos ocorreron sobre as nove da noite, cando unha chamada veciñal alertou á Policía Local de que un individuo estaba escalando polo andamiaxe da basílica.
A intervención policial permitiu sorprender o ladrón cando aínda se atopaba nas estadas con varias ferramentas que supostamente fora recollendo durante a súa ascensión e do interior do valado de seguridade da obra.
Ao seren descuberto, o home iniciou unha perigosa manobra de ocultación. Segundo recolle o parte policial, a medida que baixaba das estadas ía deixando atrás as ferramentas roubadas coa intención de "ocultalas e que non fosen recuperadas pola Policía".
A situación complicouse cando o ladrón, xa no último tramo do andamio, caeu ao chan e tentou fuxir correndo.
Malia ser interceptado rapidamente polos axentes, negouse reiteradamente a identificarse e chegou a abalanzarse contra os policías intentando agredilos. Finalmente foi reducido e detido por varios delitos: tentativa de furto, desobediencia, resistencia e atentado á axente da autoridade.
A Policía Local destacou a importancia da colaboración cidadá neste caso, sinalando que a chamada veciñal foi "imprescindible e fundamental" para detectar o delito e deter o responsable.