Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron un home por un presunto delito de violencia de xénero, tras atribuirlle unha agresión física e ameazar cunha arma branca á súa parella.
Segundo informa o Concello de Pontevedra, a intervención tivo lugar o pasado domingo 8 de marzo, ás 07:45 horas, cando a Policía recibiu a alerta de que nun domicilio da cidade se estaba a producir unha discusión moi forte.
Ao chegar ao lugar, os axentes puideron escoitar desde o exterior como un home profería berros, insultos e ameazas no interior da vivenda, mentres que a muller manifestaba a súa intención de avisar á policía.
Tras chamar á porta, os policías foron recibidos pola nai da vítima.
Segundo relataron as dúas mulleres, o home chegara de festa e puxérase a xogar á videoconsola; a muller pediulle que parase porque quería durmir e, ao non conseguir que cesase o ruído, decidiu esconderlle o aparello.
Foi nese momento cando o home reaccionou de forma violenta, propinándolle á vítima patadas na cara e no costado, golpeándolle a cabeza e chegando a proferir ameazas cun coitelo.
Durante a inspección, a Policía atopou ao presunto agresor sangrando pola man dereita provocado polo mesmo cando rompeu o pau dunha vasoira, segundo detallou a vítima.
A vítima foi trasladada a un centro sanitario para ser atendida das lesións.
O home foi detido para a súa posta a disposición xudicial.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.