O Partido Popular de Pontevedra reclama ao goberno local a posta en marcha inmediata dunha vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero, un proxecto que foi aprobado por unanimidade no pleno municipal de setembro de 2023.
A concelleira popular Silvia Junco denunciou a parálise desta iniciativa, que buscaba ofrecer unha alternativa habitacional a aquelas mulleres obrigadas a abandonar os seus fogares por situacións de malos tratos.
Segundo explica a formación da oposición, o compromiso alcanzado por todos os grupos da corporación fai máis de dous anos non experimentou avances significativos.
Junco denuncia o que cualifica como unha "falta de compromiso total" por parte do executivo do BNG, sinalando que a infraestrutura é unha prioridade social para garantir a seguridade das vítimas.
A concelleira relatou que, tras solicitar información no pleno de xaneiro á edil de Igualdade, Anabel Gulías, aínda non obtivo unha resposta concreta sobre o estado do proxecto.
Segundo Junco, malia a promesa de informar nas comisións posteriores, a situación actual é de "silencio administrativo".
Galicia dispón neste momento de sete centros específicos (entre casas de acollida, vivendas tuteladas e centros de emerxencia) repartidos na Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol, Burela e Chantada.
Este mapa de recursos arroxa unha comparativa desfavorable para a capital provincial. Galicia ofrece un total de 84 prazas de acollida.e tan só o 13% destas prazas figuran na provincia de Pontevedra.
A cidade do Lérez carece actualmente de prazas propias neste sistema de protección.
Ante esta situación, desde o PP esixen o cumprimento do pactado en 2023, instando o Goberno municipal a pasar dos acordos plenarios á execución material dun servizo que consideran esencial para a loita contra a violencia machista.