Detido un presunto xihadista que vivía nunha casa alugada en Ribadumia

O Salnés
25 de febreiro 2026

Os axentes, durante a súa intervención, requisaron diverso material informático que, presuntamente, utilizaba para difundir mensaxes de odio e chamamentos extremistas

Vehículos VIDOC da Policía Nacional Policía Nacional - Arquivo

Axentes da Policía Nacional detiveron un presunto xihadista en Ribadumia, un home dun trinta anos que vivía só nunha casa alugada do municipio.

Fontes da investigación confirmaron que o arresto se produciu nas últimas horas nunha vivenda situada na parroquia de Sisán.

As autoridades investigan a súa suposta relación cunha célula de carácter xihadista.

Os axentes, durante a súa intervención, requisaron diverso material informático que, presuntamente, utilizaba para difundir mensaxes de odio e chamamentos extremistas.

O operativo, que despregaron efectivos da Comisaría Xeral de Información chegados desde Madrid, está dirixido pola Audiencia Nacional.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou que existe unha operación aberta, pero apelou á prudencia.

"Estase a traballar", sinalou a preguntas dos xornalistas, sen querer dar máis detalles desta operación que xa está xudicializada.