A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado 22 de xullo, ao redor das 0.30 horas da madrugada, un home de 22 anos por un presunto delito de violencia de xénero e atentado contra os axentes da autoridade.
Explica o corpo de seguridade municipal que unha patrulla acudiu a un domicilio despois de recibir o requirimento dunha muller, acompañada da súa filla de dous anos de idade, alertando que a súa parella non permitía que accedese á súa vivenda.
Segundo o seu relato acudiran a un aniversario, discutiron e ao regresar a casa o home non permitiu o seu acceso á vivenda. Este relato completouse co dalgunhas testemuñas, que indicaron que tras a discusión o home tiña en brazos á menor entregándolla á nai de maneira violenta, empuxando a ambas. Ademais outra testemuña defendeu que os malos tratos á muller eran habituais.
Cando a Policía atopábase recompilando todos estes datos, o home baixou do domicilio, sendo apartado por un dos axentes, o que motivou que lles empezase a increpar con graves insultos.
Tras subir de novo ao seu domicilio o mozo, voz en berro e a portadas, baixou de novo portando unha navalla e ameazando aos axentes, segundo relata a Policía Local.
Tras requirirlle que tirase a navalla, o home ameazou tamén con autoagredirse, chegando a colocarse o fío no pescozo. Foi despois cando volvería ameazar aos representantes da autoridade, apuntándoos coa navalla a escasos 20 centímetros de distancia. Nese momento un dos policías fixo uso do seu spray para reducilo, procedendo á súa detención.