Detidos os presuntos autores da vaga de roubos no Grove

O Salnés
25 de abril 2025

A Garda Civil detivo tres veciños da localidade, con antecedentes policiais, como presuntos autores dos roubos rexistrados en datas recentes en domicilios e locais de hostalaría

Obxectos recuperados pola Garda Civil do Grove na chamada Operación Carretilla Guardia Civil

Tres persoas, todas elas veciñas do Grove, foron detidas pola Garda Civil como presuntos autores de varios roubos rexistrados en datas recentes en domicilios e locais de hostalaría.

"Os detidos son persoas ben coñecidas policialmente", asegurou este venres o subdelegado do Goberno, Abel Losada.

"Quero felicitar expresamente á Garda Civil por esta operación, denominada 'Carretilla', e que supuxo a resolución deste problema puntual con prontitude e eficacia non só identificando e detendo os autores senón recuperando boa parte dos efectos substraídos", explicou.

En concreto este tres veciños do Grove, maiores de idade e con antecedentes policiais, foron detidos como presuntos autores de roubos con violencia en domicilios e pertenza grupo criminal.

Ademais outras dúas persoas están a ser investigadas por receptación e cooperación necesaria.

Segundo explica a Garda Civil, axentes do cuartel do Grove despregaron coa colaboración da Policía Local diversas actividades operativas para tentar localizar os responsables dos numerosos roubos producidos en vivendas e establecementos en datas recentes, e que xeraran alarma social.

O visionado das cámaras de seguridade dunha vivenda, onde puideron identificar un dos autores, resultou clave para acelerar as investigacións, situando seguidamente os domicilios dos demais compoñentes do grupo e procedendo á súa detención.

Un deles, engaden, fora detido recentemente como presunto autor dun delito continuado de roubo con violencia, por roubo de bolsos a persoas de avanzada idade usando o método do tirón.

Os detidos pasarán a disposición do Xulgado de Garda de Cambados.