O Concello de Vilagarcía acolleu este mércores a Xunta Local de Seguridade de cara á celebración das festas patronais de San Roque, de Interese Turístico Nacional.
Na reunión estivo presente a tenente de alcalde, Tania García, ademais do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada e representantes da Policía Nacional, Local, Protección Civil e Emerxencias.
Vilagarcía contará por primeira vez durante a Festa da Auga cunha unidade móbil de vixilancia, dotada con dez cámaras, que axudará a manter controlado o centro da vila.
"Contamos con que haberá moita aglomeración, xa que fai anos que a celebración non cae en sábado", apuntou García. O ano pasado cifrouse a asistencia nunhas 30.000 persoas.
O sistema de vixilancia gravará zonas de especial concorrencia, como O Castro, avenida da Mariña ou a Baldosa, entre outras. As cámaras estarán acendidas dende o venres 15 ás 19:00 horas, ata o sábado 16 ás 19.00 horas. "O obxectivo é protexer aos cidadáns e tamén facilitar a labor da policía, nunha noite que, como sabemos, é de moito traballo", explicou a tenente de alcalde.
Ademais desta novidade, mantéñense as medidas de seguridade habituais: reforzo de patrullas, con máis presenza policial nas rúas e controis de tráfico nas saídas da cidade; punto Lila para a prevención das agresións sexuais na praza da Segunda República; e un Punto medicalizado na praza da Peixería: "Haberá un médico e dúas ambulancias, unha de soporte vital básico e outra de avanzado. Farase unha triaxe para evitar a asistencia masiva ao PAC de San Roque e ao Hospital do Salnés".
Abel Losada sinalou que este plan de acción, sumado ao de Turismo Seguro e o de Comercio Seguro -que van máis alá das festas-, fan de Vilagarcía un Concello "extremadamente preparado". A maiores, o subdelegado apuntou que, de ser necesario, desprazaranse á cidade axentes da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) de Vigo tanto para San Roque coma para o Atlantic Fest e o Revenidas.
REDUCION DOS DELITOS
Na reunión da Xunta Local de Seguridade tamén se analizaron os datos de delincuencia no primeiro semestre do ano. Losada destacou que "son satisfactorios", cunha redución do 7% respecto ao mesmo período do ano anterior, pasando de 834 delitos a 789, grazas "ao compromiso dos corpos e forzas de seguridade e a coordinación entre unidades".
De feito, xa se pode falar dunha tendencia á baixa, xa que houbo unha redución do 12% no 2024 respecto ao ano anterior, sendo os datos "historicamente máis baixos dende que hai rexistros", apuntou Abel Losada.
O subdelegado do Goberno especificou que Vilagarcía logra reducir o número de estafas con tarxetas de crédito e similares. Por outra banda, subiron os casos de violencia de xénero durante os seis primeiros meses do ano, pasando de 42 a 55 denuncias. Nestes momentos hai 85 mulleres dentro do sistema de protección VioXen, sete delas en risco medio, mentres o resto está no nivel máis baixo.