Garantir que todos os fogares teñan esta Noiteboa un menú especial na mesa é o obxectivo que se marcaron autónomos, colectivos e veciños, que este ano recuperan unha iniciativa solidaria para levar a cea do 24 de decembro a dezasete familias en risco de exclusión social.
Esta iniciativa solidaria, na que colabora o Concello de Poio, ten como protagonistas a autónomos e veciños anónimos que están ultimando todos os preparativos para que esa noite, voluntarios de Protección Civil de Poio, fagan o reparto.
Os 56 menús están compostos por un entrante (empanada de carne), un primeiro prato (crema de verduras de marisco, elaborada con rape, langostinos e mexillóns), un prato principal (xamón asado con patacas guisadas, cenoria e guisantes) e postres típicos do Nadal.
A iniciativa parte da Carnicería Mary Taboada, pero nesta acción solidaria participan tamén as veciñas de Chancelas, Puri Ferro e Eva Castiñeiras, que se encargan de coordinar a loxística.
Ademais, a pastelería Doce Delicia, os restaurantes O Eirado das Margaridas e La Nueva Parada, conxelados Océano Norte, a empresa de subministros Utilíceme, viveiros Aire da Terra, Natalia Fisio, Aral Tien21 e provedores de Mary Taboada colaboran de xeito altruísta.
Desde o Concello de Poio, o alcalde Ángel Moldes amosa o seu "orgullo e agradecemento profundo" por esta iniciativa que parte de veciños do concello, "persoas moi comprometidas que intentan non deixar a ninguén atrás nestas festas".
REPARTO DE ALIMENTOS
Durante estes días, desde o departamento de Benestar e Igualdade tamén están facendo o reparto dos preto de 1.000 quilos de alimentos que se recadaron nas diferentes iniciativas solidarias postas en marcha por asociacións e colectivos locais.
Estes alimentos vanse repartir entre 150 familias do municipio.
Tamén estes días estiveron repartindo entre 47 familias do municipio os xoguetes doados a través da campaña posta en marcha polo Concello de Poio para chegar e facer felices a todos os nenos que viven en fogares cunhas necesidades especiais.