Díaz anima á veciñanza a presentar alegacións ante o "boom eólico"

Ponte Caldelas
01 de xullo 2021

O Concello de Ponte Caldelas trasladará un informe desfavorable á construción do Parque Eólico da Rula que se proxecta en Cerdedo-Cotobade ao afectar ao municipio pola Liña de Alta Tensión

Parque eólico experimental Sotavento
Parque eólico experimental Sotavento

O Parque Eólico da Rula, que se proxecta en terreos de Cerdedo-Cotobade, contará co informe negativo do Concello de Ponte Caldelas. Este proxecto atópase en período de exposición pública e o alcalde Andrés Díaz anima á veciñanza para presentar alegacións ao verse afectado pola creación dunha liña de evacuación, unha liña de alta tensión eléctrica.

Esta liña de evacuación alcanzaría ao lugar de Tourón, onde as empresas que promoven o proxecto queren crear unha subestación onde se recompilaría a enerxía procedente de diversos parques eólicos previstos en toda a contorna. 

Desde esa mesma subestación lanzaríase, segundo o goberno local, outra liña de Alta Tensión por Tourón, Buchabade, Vilarchán, Xustáns, Baltar e A Reigosa ata a subestación prevista en Tomeza.

O informe documental do Concello recolle como afectaría esta liña ao municipio ao entender que produciría un efecto sobre mananciais e captacións de auga ao realizar obras con movemento de terras, afectando ás traídas veciñais dos lugares de Gradín, Tourón, Paradela, Buchabade, Contixe, Vilarchán, Mirón e A Reigosa, cuxos mananciais se atopan nas ladeiras do monte do  Pé da Múa.

Tamén alegan os danos que ocasionaría na saúde, no ruído que provocarían as instalacións, as perdas na economía familiar e no valor dos terreos afectados. A estes puntos súmanse os efectos na flora, a fauna, a biodiversidade e na paisaxe creando un impacto negativo para o turismo.

Entre os elementos que se verían afectados atópase a Área Arqueolóxica de Tourón e mámoas, petróglifos e as Covas do Pé da Múa, que foron descubertas recentemente. En xeral, o Concello de Ponte Caldelas entende que afectaría a bens patrimoniais e arquitectónicos como igrexas, capelas, cruceiros ou pazos que se atopan na zona e ao patrimonio inmaterial e  toponímico do municipio.

Andrés Díaz reclama a participación para loitar contra "un boom eólico" que, segundo considera, queren implantar en diversos puntos da provincia a través de agrupacións de empresas que o alcalde non dubida en considerar un "clúster eólico encuberto". Desde o goberno local ponse ao dispor da cidadanía, comunidades de montes e comunidades de augas un modelo de alegacións para facer fronte a estas operacións.

Arquivado en