Cedo era o nome dun gato que aparecía moribundo nunha estrada de Salcedo na tarde deste sábado. Un veciño recolleuno crendo que fóra atropelado pero na clínica veterinaria onde o levou para que o atenderan comprobaron que o animal sufrira un disparo na columna vertebral.
O disparo seccionáralle a columna, tal e como puideron comprobar a través das radiografías. Ante a imposibilidade dunha cura, foi necesario sacrificalo. Desde a asociación protectora de Pontevedra, Difusión Felina, denuncian que alguén se está a dedicar a matar gatos na parroquia de Salcedo. Sinalan que o de Cedo non é o primeiro caso destas características e a veciñanza da zona xa teñen manifestado a responsables da asociación que nas últimas semanas desapareceron varios gatos da contorna.
Difusión Felina está intentando recoller información sobre este caso ou sobre outros similares a través do seu correo electrónico difusionfelinapontevedra@gmail.com coa intención de presentar unha denuncia ante as autoridades competentes. Reclaman por parte da administración que se adopten medidas para impedir que estes feitos poidan repetirse. As sancións por maltrato animal causándolle a morte poden chegar a 30.000 euros e a penas de prisión.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.