Unha discusión de tráfico acaba en denuncia, labazada e importantes retencións en Benito Corbal

Pontevedra
11 de setembro 2025
Actualizado: 16:53

A Policía Local interveu no incidente. Un vehículo tentaba aparcar e, dando marcha atrás, golpeou ao que o seguía. Un dos condutores insultou o outro e, como resposta, agrediuno

Intervención da Policía Local polo incidente en Benito Corbal

Unha discusión coa súa orixe nun pequeno golpe entre dous vehículos derivou na mañá deste xoves nunha agresión e posterior denuncia na rúa Benito Corbal de Pontevedra.

Todo ocorreu á altura do supermercado Gadis de Benito Corbal sobre as 10.45 horas da mañá, nun momento no que había bastantes coches circulando pola vía.

Segundo confirmaron fontes policiais, un vehículo tentaba estacionar, pero, para realizar a manobra, necesitaba dar marcha atrás e que tamén o fixesen os vehículos que viñan xusto despois.

Dado que había bastantes coches, esa marcha atrás complicouse. Segundo fontes policiais, o condutor que tentaba aparcar seguiu coa manobra e acabou golpeando ao turismo que estaba xusto detrás.

Nese momento, orixinouse o citado incidente. Un dos dous condutores implicados saíu do coche e insultou o outro.

Como resposta, o condutor insultado tamén saíu do seu vehículo e reaccionou dando unha labazada ao outro.

Dado o carácter que tomou a discusión, houbo avisos á Policía Local de Pontevedra, que se acudiu no lugar dos feitos e tomou nota do ocorrido.

Os axentes entrevistáronse coas testemuñas e cos dous implicados, que conducían un Audi e un Volkswagen.

O condutor agredido confirmou que acudiría aos servizos médicos para ter un parte de lesións e adiantou a súa intención de denunciar ao seu agresor.

Como consecuencia deste incidente, xeráronse importantes retencións na rúa Benito Corbal.