Dispositivos especiais de seguridade en Marín polos actos coa Princesa de Asturias e as Festas do Carme

Marín
10 de xullo 2025
Actualizado: 17:01

Na Xunta Local de Seguridade constatouse que "Marín segue a ser un concello totalmente seguro", no que o índice delictivo está "por debaixo da media estatal"

Participantes na Xunta Local de Seguridade de Marín
Participantes na Xunta Local de Seguridade de Marín /

O Salón de Plenos do Concello de Marín acolleu a celebración da Xunta Local de Seguridade, centrada na inminente chegada da princesa Leonor.

As forzas de seguridade preparan dispositivos especiais na vila de cara a uns días de moitísima actividade, tanto festiva polas Festas do Carme, como institucional, polo acto de entrega do título de Filla Adoptiva á Princesa de Asturias e a entrega dos Reais Despachos na Escola Naval Militar.

Esta reunión tamén serviu para expoñer a situación actual do municipio en torno á criminalidade, a seguridade cidadá e outras cuestións relativas ao traballo diario dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Evidenciouse que "Marín segue a ser un concello totalmente seguro", no que o índice delictivo está "por debaixo da media estatal", aínda que é preciso seguir traballando conxuntamente, como ata agora, para manter esta situación.

Precisamente esa "boa colaboración" entre todas as forzas da orde foi o que máis destacaron, especialmente a alcaldesa, María Ramallo como o subdelegado do Goberno, Abel Losada.

Tamén se tratou de maneira específica a situación da violencia de xénero.

Segundo anunciaron, instalarase un Punto Violeta na caseta da Praza de España, en horario de 23.00 a 03.00 horas, para dar apoio aos principais días das festas do Carme (do 11 ao 16, ambos incluídos) e o 27 de septembro, cando se celebra San Migheleiro.

A Xunta Local de Seguridade estivo copresidida polo subdelegado do Goberno en Pontevedra e a alcaldesa de Marín, e nela participaron o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Francisco Estévez, así como representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Local, o Centro de Información á Muller de Marín e o departamento municipal de Servizos Sociais.