Doados 15.500 quilos de comida na Operación Quilo celebrada en Pontevedra e Poio

Pontevedra
03 de abril 2017

Grazas a esta acción da entidade, desenvolvida catro meses despois da celebración da Gran Recollida Solidaria de finais de novembro, o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra, situado na rúa Faustino Santalices, recuperou unha boa parte do stock de produtos de primeira necesidade que demandan as 3.000 persoas con dificultades de Pontevedra cidade e comarca

Voluntarios do Banco de Alimentos Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recibiu 15.500 quilos de comida non perecedoira durante a Operación Quilo levada a cabo esta fin de semana en Pontevedra e Poio.

A recollida levouse a cabo nos centros comerciais de San Brais en Pontevedra e o da Barca en Poio.

Por localidades, en Pontevedra recolléronse uns 4.600 quilos de comida, mentres que en Poio foron 1.800 quilos, aos que hai que sumar outros 9.000 quilos de alimentos máis procedentes da campaña estatal da Fundación Solidariedade Carrefour.

Desde a ONG agradeceuse o labor desempeñado polos voluntarios desprazados aos distintos supermercados que facilitaron as doazóns, así como aos cidadáns que, quilo a quilo, achegaron o seu graniño de area solidario.

Grazas a esta acción da entidade, desenvolvida catro meses despois da celebración da Gran Recollida Solidaria de finais de novembro, o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra, situado na rúa Faustino Santalices, recuperou unha boa parte do stock de produtos de primeira necesidade que demandan as 3.000 persoas con dificultades de Pontevedra cidade e comarca.