"Relativa normalidade". Así valora o Concello de Vilagarcía de Arousa a madrugada previa á Festa da Auga, na que houbo "poucas incidencias" e houbo na localidade milleiros de persoas.
O Concello informa de que sete persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital do Salnés por intoxicacións etílicas e o Servizo Municipal de Emerxencias tamén trasladou outras dúas persoas, unha por sufrir contusións nunha caída e outra que tiña un corte.
O persoal de Emerxencias realizou outras atencións no hospital de campaña montado na Praza da Peixería, pero todas de carácter leve.
A Policía Local detectou 12 alcoholemias positivas en controis de tráfico e detivo un veciño de Vilagarcía de 33 anos tras protagonizar un altercado nas dependencias da xefatura policial, insultando, ameazando e tratando de agredir aos axentes.
Os feitos aconteceron á unha da madrugada, cando o home se presentou na Xefatura con claros síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol e asegurando que fora agredido na avenida da Mariña por un grupo de persoas que o querían matar, que lle danaran o coche e que quería denuncialo.
Ante as preguntas dos axentes, o home comezou a violentarse, golpeando as portas e paredes, dicindo que ía a matar aos agresores e enfrontándose aos axentes, aos que insultou e tratou de agredir, razón pola que foi detido e entregado á Policía Nacional, que continuará as correspondentes dilixencias.