Doce países presentarán os seus mellores pratos na Festa do Emigrante

Ponte Caldelas
05 de xullo 2022

O evento está previsto desde o venres 8 ata o domingo 10 na Alameda de Ponte Caldelas coa previsión de asistencia de milleiros de persoas. Cada posto ofrecerá un prato e bebida a un prezo de seis euros e cada un dos hosteleiros participantes ofrecerá propostas gastronómicas típicas do seu lugar de orixe

Celebración da Festa Gastronómica do Emigrante na Alameda de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

A partir da noite deste venres 8, Ponte Caldelas celebrará unha das súas citas gastronómicas máis características. Aos longo de tres días, a Alameda converterase no escenario da Festa do Emigrante, un evento no que está prevista a presenza de miles de asistentes.

Nos postos estarán representados doce países: Brasil, México, Venezuela, Uruguai, Cuba, Bélxica, Alemaña, Grecia, Italia, Portugal, Ucraína e España. Cada un dos hostaleiros participantes preparará un prato e bebida propia do país a un prezo de seis euros. Ademais tamén ofrecerán outras ofertas culinarias típicas a prezos de mercado.

Nesta quinta edición ofreceranse produtos durante a noite do venres; durante o mediodía e a noite do sábado; e finalizará o domingo cun servizo de comida. Tamén van instalarse postos de panadería.

Na anterior edición celebrada, correspondente a 2019, despacháronse máis de 20.000 pratos, segundo indica o alcalde Andrés Díaz. Ademais, desde o Concello destacan o numeroso público que acode a esta cita axudando a promover o comercio local e a hostalería durante estas xornadas. Sinalan que é o evento gastronómico máis multitudinario da comarca.